ALCALDÍA

O municipio italiano de Osimo invita ao concello compostelán a levar a cabo un irmandamento entre ambas cidades

21/08/2007 Representantes do concello de Campocavallo di Osimo, na provincia italiana de Ancona, e do santuario B.V. Addolorata, situado na zona, acudiron ao Pazo de Raxoi, onde foron recibidos pola alcaldesa en funcións, Mar Martín. Os habitantes desta localidade italiana realizan cada ano a denominada "Festa del Covo", na que constrúen con espigas de trigo unha reprodución dalgún santuario de importancia. Este ano o monumento elixido foi a catedral de Santiago de Compostela por ser unha das referencias máis importantes da comunidade católica internacional.

O presidente da comisión da devandita festa e párroco do santuario, Giovanni Severini, e o representante da administración local de Osimo, Maracci Paolo, quixeron achegarse en primeira persoa ata Santiago para explicar o proceso de elaboración da obra á alcaldesa en funcións, e tamén para invitar ao alcalde a valorar a posibilidade de realizar un irmandamento entre as dúas urbes.

Así mesmo, os representates do municipio italiano invitaron ao rexedor compostelán a asistir en setembro a Loreto, onde a reprodución da catredral, denominada "covo", será portada en homenaxe ao Papa Benedicto XVI, e a ver in situ a próxima "Festa del Covo" no ano 2008.

Tamén durante a visita á Casa do Concello, a comitiva italiana quixo explicar de primeira man a Mar Martín o proceso de realización do "covo". Trátase dunha obra de de nove metros de longo por catro de ancho e seis de alto realizada con seis millóns de espigas de trigo, que pretende rendir homenaxe á Catedral de Santiago. En anteriores ocasións, os habitantes de Osimo realizaron a reprodución dos santuarios de Fátima, Lourdes, Betlemme ou Cestokova e neste ano, a comisión da festa elixiu o monumento compostelán pola súa relevancia e significado dentro do mundo católico.

Compartir: