CULTURA

O Concello únese á difusión da obra de Rosalía de Castro

14/08/2007 O concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, e a presidenta da Fundación Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, asinaron un convenio no que se fixa a colaboración en diversos eventos de difusión da cultura galega. O Concello, que é patrón da Fundación, achega 7.000 euros.

No acto de sinatura, Néstor Rego, apuntou a súa satisfacción por colaborar cunha institución que traballa para "difundir permanentemente a obra de Rosalía de Castro". Pola súa parte, Helena Villar Janeiro agradeceu a implicación do Concello para coa fundación e, en particular, do seu concelleiro de Cultura, mesmo antes de ter asinado este primeiro convenio.

A colaboración atinxe a un plan de actividades para 2007, que inclúen os actos celebrados o 15 de xullo, no que se celebrou un acto literario e se entregou o III Premio de Experiencias Pedagóxicas, que este ano se dedicou á relación entre Rosalía e o teatro. Tamén se presentaron a Memoria dos Encontros 2006, coordinado por Ana Blanco, e o número 8 da Colección 24 de febreiro.

Ademais, no calendario de eventos están os desenvolvidos o 25 de xullo, como a publicación de Poetas con Rosalía II e o recital poético organizado esta xornada. Para outono está prevista unha velada poético-musical cos autores que participaron nesta publicación.

Helena Vilar Janeiro anunciou tamén que, con motivo da conmemoración do nacemento da autora, presentarase en torno ao 24 de febreiro de 2008 unha nova publicación, E as pedras quedan, editada polo Consorcio de Santiago. O libro recollerá dez poemas composteláns de Rosalía de Castro.

Compartir: