TURISMO

Santiago estrea tren turístico

13/08/2007 Os turistas e cidadáns composteláns volverán a contar desde o martes 14 de agosto co tren turístico, segundo informou Turismo de Santiago.

Este servizo municipal, un dos preferidos dos visitantes da cidade, volve tras preto de 10 días de suspensión e da man dunha nova empresa adxudicataria, Transportes Mosquera, que gañou o concurso convocado o pasado mes de abril trala resolución consensuada da UTE que outorgara a súa explotación á empresa Hemisferios S.L.

Mosquera adianta en 3 días a data límite para o inicio das súas operacións para responder ao interese de Turismo de Santiago de reactivar o servizo, e faino cun tren marca Dotto, composto dunha locomotora Muson River con motor turbodiesel de 2.800 cc de cilindrada, e tres vagóns con capacidade máxima para 60 pasaxeiros, provistos de semicierre con cristais homologados e dispositivo para persoas de mobilidade reducida. O conxunto está homologado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía.

Mesmo percorrido e saídas cada hora
O percorrido dunha hora de duración, con guía bilingüe en castelán e inglés, leva aos turistas polo convento de San Francisco, o Convento do Carme, Santa Clara, San Roque, o barrio de San Pedro, Bonaval, o Campus Norte e o Auditorio, Galeras, San Lourenzo, Campus Sur e a Alameda, para regresar por San Francisco á praza do Obradoiro e desembarcar na Catedral.

O horario de funcionamento será o habitual: saídas cada hora todos os días de 10 a 13 e de 16 a 20 horas entre Semana Santa e verán, e só os fins de semana o resto do ano.

Tamén se manteñen os prezos (5 euros por adulto e 3 por neno, con descontos para grupos) e o punto de partida no Obradoiro. Os interesados poden informarse e reservar en Compostur, a través de 902 190 160.

Compartir: