OBRAS E INFRAESTRUTURAS

Novas obras para "a mellor mobilidade posíbel na cidade"

16/06/2005 O concelleiro de Infraestruturas e Equipamentos, Bernardino Rama, presentou un novo paquete de obras que responde á accesibilidade do medio físico nas rúas e que, segundo explicou, pretenden acadar "a mellor mobilidade posíbel na cidade".

Un dos puntos fortes deste paquete de obras son as reformas que se levarán a cabo no Auditorio de Galicia coas que se intentarán atallar os "problemas de mobilidade interna" cos que conta, explicou Bernardino Rama. Por unha parte, está previsto a colocación preto da entrada principal de dous baños adaptados aos minusválidos. Por outra, colocarase un teléfono de texto para persoas con problemas de visión, e ademais, un elevador.

A nosa cidade contará ademais con varios paneis en braille e con información visual para as persoas cegas e con discapacidade, que se colocarán nos puntos estratéxicos da cidade. Os paneis darán información sobre a accesibilidade das rúas e sobre a historia de Santiago.

Outro dos puntos centrais das obras de accesibilidade do medio físico nas rúas son as obras de acceso á sede da Once, (sita na rúa Rosalía de Castro, xunto ao antigo Asilo de Anciáns), que responde a un convenio asinado entre a Once, o Inserso e o Concello. As obras centraranse en retirar un transformador que actualmente impide que o acceso sexa bo.

Este paquete de obras contempla ademais a intervención en varias rúas, que rebaixarán e poñerán a punto as vías con mala accesibilidade, en concreto, sinalou Bernardino Rama, a zona do Paxonal, Castrón Douro e Gómez-Ulla, etcétera.

Prevese que estas obras, que contan cun orzamento de 290.000 euros, e que acaban de sacarse a concurso, estean rematadas en outubro deste ano.

Compartir: