CULTURA

O Festival D’Gorra converte as prazas de Compostela nun escenario de circo

13/08/2007 Rematou o Festiclown, pero chega o Festival D’Gorra. Na súa cuarta edición, o circo convértese de novo en protagonista nas rúas e prazas de Compostela. Do 14 ao 26 de agosto, vintecatro compañías amosarán todo o seu repertorio en contacto directo co público. O divertimento está asegurado.

O concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, e a directora do festival, Natalia Outeiro "Pajarito", presentaron a programación de 2007 deste festival, que aposta por pasar a gorra como unha maneira de democratizar a cultura. Vintecatro compañías de diferentes disciplinas, entre as que se atopan grandes artistas galegos de renome, convidados e novas promesas do circo.

A gran novidade desta edición son os obradoiros, grazas aos cales o público poderá participar máis activamente aprendendo técnicas circenses no paseo da Alameda. Ata alí trasladarase dende a Escola de Circo "Circonove", o material preciso para o goce e a aprendizaxe.

Tamén salientables son os cabarés, espectáculos de variedades onde as compañías participantes no D'Gorra ofrecen ó público o mellor de cada un deles. En particular, destaca o cabaré de mulleres o venres 24 en Praterías ou o cabaré final o último día do festival.

Entre as actividades especiais deste ano tampouco faltarán os aéreos, unha plataforma para novos artistas, un espazo plástico ou as estatuas que estarán nas rúas do Vilar, Franco e Preguntoiro. E para comezar o festival, unha performance denominada "Action babies", que percorrerá varias rúas do Casco Histórico ata chegar a Praterías.

Evento consolidado
O Festival D’Gorra naceu no 2004 como unha iniciativa dos artistas galegos de Pistacatro para trasladar os espectáculos de novo circo ás rúas de Compostela. É un festival innovador, por ser pioneiro en trasladar os espectáculos á rúa, pero tamén polas novas disciplinas e propostas cada ano. Disciplinas de novo circo, escapismo, danza, audiovisuais, música, ilusionismo, aéreos, teatro, pasarrúas, action painting, clown, happening ou artes plásticas son parte deste evento.

Da organización ocúpase a Asociación de Novo Circo e Cabaré Pistacinco, un colectivo de artistas galegos das máis variadas disciplinas que traballan para crear un gran movemento de Novo Circo en Galicia. En 2007 inauguraron a nave de circo Circonove, cun proxecto de escola de circo que xa se reflicte nesta edición do festival coa plataforma de novos artistas.

Documentos relacionados



Compartir: