CULTURA

Variedade de estilos para o fin de semana de "Feitoaman"

10/08/2007 A primeira semana de Feitoaman remata cunha fin de semana de ampla variedade en canto a estilos musicais. O funky, o jazz, a música tradicional galega e mesmo unha performance teatral alternaranse nas rúas e prazas da zona histórica.

O sábado 11, o funky chegará á San Martiño Binario da man de Snatch. Gañadores do II Certame MillaRock’07, o seu repertorio baséase nas raíces da música negra norteamericana, dende o soul ao country, o blues ou o funk, con tintes pop, tomando o galego como lingua vehicular.

Á mesma hora, pero en Vía Sacra, actuación de jazz a cargo da Vacila Jazz Band. Este proxecto, nado das colaboracións entre músicos da Escola de Música Creativa (Madrid), presenta distintas influencias: flamenco e clásica epañola, blues, latin-brasileira ou funk. Destacan pola súa gran capacidade de creación no directo, por ser músicos moi abertos á experimentación e á improvisación.

Para o domingo, en Tras Salomé, queda a actuación de Éche O Que Hai. Será ás 20:30 horas. Este grupo compostelán de nova creación fusiona Folk con funky, reagge e outros ritmos. Teñen un estilo moi persoal, sen deixar de lado as raíces.

Tamén ao tempo, pero na Praza de Feixoo, haberá una singular performance teatral, da que se encargarán Manuela Varela e Alfredo Padilla. A súa proposta sérvelles para reflexionar sobra a situación sociocultural actual da cidade. O guión establece un despoxo do actor de teatro de sala para un bufo de rúa e explora esta metamorfose.

Xa para comezar unha nova semana, o luns, 13, repetirá actuación a cantautora Lorena Mayol, pero esta vez na calexa do Curro da Parra, ás 20:30 horas. Dúas horas despois, debuta nesta edición de Feitoaman, a ritmo de jazz, Javier Constenla.

Compartir: