CULTURA

Compostela volverá a ser en outubro a capital internacional dos monicreques

09/08/2007 Do 1 ao 7 de outubro celebrarase en Compostela a XII edición de Galicreques, o Festival Internacional de Títeres. A celebración desta nova entrega do evento é posible grazas ao convenio de colaboración asinado entre o concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, e Jorge Rey, da Asociación Cultural Barriga Verde, polo que o Concello achegará 15.000 euros.

Nesta edición participarán unhas 30 compañías de distintas procedencias, con espectáculos dirixidos ao público infantil e adulto. Este ano incorpóranse compañías de países como Suíza, Finlandia, Rusia ou Turquía.

Segundo Néstor Rego, Galicreques convertirá un ano máis a Compostela, durante uns días, na "capital internacional dos títeres". O evento xa se ten convertido nun dos "eventos culturais de referencia" da cidade. Así o destacou tamén Jorge Rey, quen valorou a "estabilidade" acadada polo festival e a súa importancia para o colectivo de teatro de monicreques de Galicia. "É un escaparate para o noso traballo e para enriquecer o noso público cada ano".

Haberá representacións dirixidas especialmente a centros de ensino, ademais das sete previstas para todos os públicos e de cinco específicas para adultos. Ademais, realizaranse cinco espectáculos na rúa.

A formación será outro aspecto ao que se lle prestará atención nesta edición. Os máis novos e os profesionais poderán adquirir coñecementos de técnicas de construción e manipulación de títeres a través de catro cursos. Finalmente, o programa completarase con exposicións e visitas guiadas para os centros escolares.

Os espectáculos de sala desenvolveranse no Teatro Principal, se ben haberá tamén representacións nunha carpa na Alameda e na Praza Roxa. En 2006, unhas 6.500 persoas asistiron ás actividades de Galicreques.

Sala Yago
Preguntado pola Sala Yago, que ata agora acollía o festival, o concelleiro de Cultura asegurou que o Concello esta a "buscar fórmulas" para evitar a súa desaparición. Entre elas, dixo, podería estar "a cesión de uso", empregando a fórmula do Programa de Edificios Tutelados, pola que o Consorcio financiaría a rehabilitación do edificio a cambio da cesión do uso por unha serie de anos. En calquera caso, insistiu en que se vai preservar o uso sociocultural do inmoble.

Compartir: