ALCALDÍA

O Concello encomendará o mantemento dalgún dos novos parques públicos a persoas con discapacidade

07/08/2007 O presidente da Confederación Galego de Minusválidos, Anxo Queiruga, mantivo un encontro co alcalde compostelán, ao que lle plantexou algúns dos temas que preocupan á entidade. Sánchez Bugallo expresoulle a disposición municipal a traballar nestes temas e a ampliar mesmo esa colaboración a outros temas. Así, anunciou que antes de fin de ano, persoas con discapacidade poderán ocuparse do mantemento dalgún dos novos parques públicos da cidade.

Este servizo de mantemento dos parques permitirá estender en Compostela a colaboración en materia de creación de emprego para as persoas con discapacidade. De feito, COGAMI xa vén prestando este servizo de xardinería nalgún concello, e o de Santiago traballa neste ámbito con ASPAS.

Na xuntanza tratouse tamén o tema das novas instalacións con que contará Coregal no polígono da Costa Vella. Esta empresa, que recolle papel e cartón, recibiu do Concello as parcelas e "en breve quedarán solventadas algunhas dificultades e poderán comezar as obras", anunciou o alcalde.

Quiosco na Praza Roxa
En canto ao quiosco co que no seu día contaba COGAMI na Praza Roxa, Queiruga amosoulle a Sánchez Bugallo o seu interese en recuperar este espazo. O alcalde indicou que "se está a estudar como encaixar este quiosco no perfil que ten agora a Praza Roxa".

O presidente de COGAMI tamén lle expresou ao rexedor municipal a preocupación que existe pola afectación que a ampliación do periférico no ámbito do Polígono do Tambre vai ter na planta de tratamento medioambiental de vehículos que a entidade ten preto de Mercagalicia, que vería minguado o espazo dispoñible.

Outro dos temas tratados foi o das 20 vivendas adaptadas que se están a construír en Fontiñas. Sánchez Bugallo apuntou que o edificio está "fase avanzada de construción". Queiruga lembrou que se trata dun "proxecto novidoso", no que oito das 20 vivendas serán para persoas moi dependentes e as outras 12 para persoas con discapacidades non perceptibles.

CEGADI
Preguntados ámbolos polo que será o Centro Galego de Desenvolvemento Integral (CEGADI), o alcalde recordou que "a obra foi licitada con urxencia e entendo que poida adxudicarse e comezar a construción antes de final de ano". O prazo de execución será de tres anos. Queiruga resaltou que o CEGADI contará, entre outros servizos, cunha área de axudas técnicas "que nos permitirá acceder a prezos asequibles a artigos que son de primeira necesidade, como as cadeiras de rodas". O centro tamén contará con 25 prazas de residencia para persoas dependentes e dúas vivendas anexas domotizadas.

Finalmente, ámbolos dous reiteraron a vontade do Concello e da entidade en seguir colaborando "na integración laboral das persoas con discapacidade". Ademais, o presidente de COGAMI animou aos responsables municipais a "seguir traballando n aliña de eliminación de barreiras", tal como se vén facendo ata agora.

Compartir: