BENESTAR SOCIAL

A Casa das Asociacións dos Servizos Sociais estará rematada antes do fin de 2006

16/06/2005 Unhas 66 asociacións que traballan a prol do benestar social terán a súa sede no novo edificio, que se ubicará en Salgueiriños, e que responde ao obxectivo de "unir todos os recursos que teñen para unha maior eficacia", segundo explicou a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira.

A concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, presentou o proxecto básico de edificación da Casa das Asociacións dos Servizos Sociais, onde se concentrarán as 66 asociacións que o Consello de Servizos Sociais aglutina en sete grupos de traballo (voluntariado, marxinación, comunidade, familia, infancia e xuventude, persoas maiores, área sociosanitaria e persoas con discapacidade).

Este proxecto responde ao obxectivo de xuntar recursos e conectar entre si a este tipo de asociacions, de xeito que poidan traballar en rede e compartir recursos e experiencias. Segundo explicou Adelaida Negreira, prevese que o edificio, que conta cun orzamento de un millón de euros, estea rematado antes de finalizar o ano 2006.

O edificio, de 1.475 metros cadrados, aproximadamente, situarase en Salgueiriños, preto da sede da Unidade Municipal de Atención ao Drogodependente (UMAD), e onde está previsto que se ubiquen o edificio do Parque Comarcal de Bombeiros e o edificio da Policía Local.

Deseñada e completamente adaptada para persoas con discapacidade, a futura Casa das Asociacións dos Servizos Sociais constará de tres plantas, onde se colocará un ximnasio con salas para masaxes e sauna, unha biblioteca con equipamento informático, dúas aulas con capacidade para 100 e 200 persoas, onde as asociacións poderán levar a cabo as súas actividades, e uns 33 despachos.

Compartir: