CULTURA

Máis de 50.000 persoas gozaron co Festiclown

06/08/2007 O Festiclown chegou ao seu fin, un ano máis, logo de facer as delicias de cidadáns e visitantes ao longo de cinco días de risa, humor e solidariedade. Máis de 50.000 persoas gozaron dos espectáculos de exterior e de interior, das 120 actuacións, dos 13 cursos de formación e das 45 compañías que se deron cita nesta edición do Festiclown.

Novamente sobrepasouse a cifra dos 50.000 espectadores, igual que en 2006, a pesar de que este ano houbo un día menos de actuación nas rúas. Estes datos veñen consolidar ao festival como un dos acontecementos culturais da cidade e un dos que máis número de xente goza.

En canto a recadación dos espectáculos da Mostra Internacional celebrados no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia, a cantidade chega case aos 10.000 euros, aos que hai que engadir os máis de 1.000 euros que se conseguiron nas dúas galas do Maraclown Solidario celebradas na praza das Praterías. Seguindo o camiño emprendido xa hai tempo, Pallasos en Rebeldía será a entidade encargada de facer realidade a proposta do Formaclown Solidario e do proxecto social do Festiclown 2007 organizando, con estes cartos recaudados, unha nova caravana solidaria de pallasos a Chiapas (Mexico).

Gañadores do Certame Intergaláctico: Malebreikers e Las Pestañas
No Certame Intergaláctico de Exterior, os gañadores deste ano foron os madrileños Malabreikers co espectáculo do mesmo nome. Co break, os malabares e o reto do monociclo xigante, Beto e Tornillo alucinaron ao público infantil e adulto máis esixente. Con esta comedia de rúa para todos os públicos, na que mesturan malabarismo, acrobacia e humor con sabor a retro-break, Malabreikers gañaran tamén o premio Off do Festival de Valladolid 2006.

En canto ao Certame de Exterior, os gañadores foron a compañía catalana Las Pestañas con "Bienvenidos al cielo". Este espectáculo tivo a súa orixe no encontronazo entre Pati Dubois e Cristi Garbo no 2004, no que se converteron en grandes inimigas. Presionadas por Clownfish e por Jango Edwards aceptaron de mala gana traballar xuntas. Pronto, cada unha atopou o seu alter ego co que poder dar renda solta ás súas dotes artísticas convertendose en Zsa-Zsa Rina e Bou-Bou Bidú, Las Pestañas.

Compartir: