BENESTAR SOCIAL

Visto bo á cesión gratuíta da parcela para a construción da nova residencia para terceira idade en Pontepedriña

06/08/2007 O Goberno local adoptou o acordo de cesión polo que se cede unha parcela de 4.650 metros cadrados para a construción dunha nova residencia da terceira idade en Pontepedriña. Esta superficie pasará á titularidade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que a porá a disposición da Fundación José Otero-Carmela Martínez para a edificación do centro.

A Fundación encargarase da redacción do proxecto e da construción desta residencia, con capacidade para 150 prazas. Para as obras prevese un prazo de 36 meses dende a posta a disposición dos terreos ou dende a concesión da licenza. En concreto, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que "a Fundación quere mesmo comezar as obras en setembro". Rematada a construción, a entidade entregara o edificio á Xunta, que o integrará na súa rede de centros e porao en funcionamento nun prazo máximo de oito meses dende a entrega das obras.

Ademais e construír a residencia, a Fundación contribuirá economicamente á conservación do edifico e das instalacións a partir do segundo ano e durante 20 anos, cunha cantidade de 30.000 euros anuais. Este importe destinarase ás reparacións ordinarias que precise o centro.

Unicamente se establece unha condición sobre a xestión, que é a constitución dun dereito preferente sobre 20 prazas como máximo, a favor dos traballadores e dos seus familiares das empresas de José Otero e do seu servizo doméstico. Para iso, terán que cumprir os requisitos esixidos para o acceso a unha praza pública da mesma tipoloxía.

Compartir: