ALCALDÍA

Música en Compostela cumpre 50 anos cunha programación especial e 125 novos alumnos

05/08/2007 Os cursos internacionais Música en Compostela celebran a súa edición número 50. Para celebrar esta data, os seus responsables teñen preparado un interesante calendario de concertos e conferencias que completarán as tres semanas de clases.

Esta nova edición dos cursos conta coa participación de 125 estudantes, todos eles graduados nalgunha escola superior de música. A súa procedencia é diversa. Moitos son españois, pero tamén hai unha importante presenza xaponesa e de distintos países europeos. Todos eles formaranse nas sesións que, como cada ano, teñen lugar no Hostal dos Reis Católicos.

Nesta edición especial hai tamén preparados varios concertos de balde. A Real Filharmonía de Galicia tocará en San Domingos de Bonaval.e a Orquesta Nacional de España e a Orquesta Sinfónica de Galicia farano no Palacio de Congresos. Ademais, haberá conferencias de destacados intérpretes como Montserrat Torrent ou Thoma Piel, e presentarase o terceiro volume da historia de Música en Compostela.

Dende 1957, Música en Compostela forma en música española a intérpretes e estudantes de todo o mundo, que complementan a súa formación con concertos en espazos singulares da cidade e de fóra dela. Polas súas aulas pasaron figuras tan destacadas como Montserrat Caballé, Xabier Montsalvatge, Enrique García Asensio ou Jesús López Cobos, entre outros.

Compartir: