PROMOCIÓN ECONÓMICA

Abre as súas portas a primeira ludoteca para nenos e nenas de entre tres e doce anos

03/08/2007 O luns 6 de agosto, ás 19:00 horas, a ludoteca infantil Gazafello inaugura as súas instalacións na rúa da Torreira cun programa de actividades gratuíto pensado para que tanto os nenos e nenas como os seus pais e nais poidan coñecer o seu local e os servizos que ofertan. Gazafello é unha empresa nacida a partires do Proxecto Equal Compostela Social, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo.

Gazafello é a primeira ludoteca privada de Santiago dirixida a nenos e nenas de tres a doce anos que está inscrita no rexistro de entidades prestadoras de servizos sociais da Xunta de Galicia. A ludoteca, situada na rúa da Torreira, números 23 e 25, ofrece entre outros servizos a celebración de cumpreanos e apoio escolar así como a libre disposición de materiais educativos como libros e xogos didácticos, que os rapaces e as rapazas aprendan ao tempo que pasan un rato divertido.

Dende a creación Proxecto Equal Compostela Social, en novembro do 2005, constituíronse 49 proxectos empresariais. 33 deles, o 67,35%, foron creados por mulleres. 34 empresas naceron en Santiago, nove en Ames, catro en Val do Dubra, unha en Brión e outra en Vedra. O obxectivo é acadar a constitución de 50 novas empresas en Compostela.

As empresas nacidas ao abeiro de Equal Compostela Social poden beneficiarse das actividades programadas a través da Rede de Cooperación Empresarial, promovida pola Agrupación de Desenvolvemento Compostela Social. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento de proxectos de cooperación empresarial que axuden ás iniciativas xurdidas no programa Equal Compostela Social a mellorar a súa competitividade e a manter unha posición sólida no mercado.

Equal Compostela Social é un programa de fomento da cultura emprendedora dirixido a persoas desempregadas que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc. Neste momento estase desenvolvendo a cuarta fase, na que participan 20 proxectos empresariais.

Compartir: