ALCALDÍA

O alcalde expresa a súa "plena satisfacción pola total sintonía co presidente da Xunta" nos temas que afectan á cidade

03/08/2007 Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde valorou a entrevista mantida o mércores 1 de agosto co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Sánchez Bugallo repasou os temas da xuntanza e expresou a súa "plena satisfacción pola total sintonía" co titular do Goberno autonómico.

Sánchez Bugallo recordou que se trataron cuestións como a preparación do Ano Santo de 2010, a financiación da Capitalidade, a Cidade da Cultura ou as infraestruturas da capital de Galicia. Ademais de referirse ao bo ritmo das obras de estradas en marcha, indicou que o Goberno galego traballa para que o terceiro carril da autopista poida estar rematado antes do vindeiro Ano Santo. Segundo indicou, "están ben encamiñadas" as negociacións entre o Ministerio de Fomento, a Xunta e a concesionaria. A solución podería consistir en que "a propia concesionaria constrúa o terceiro carril, coas oportunas compensacións", apuntou. Esta obra afectaría ao tramo entre San Lázaro e Milladoiro.

Sobre outra infraestrutura, a da autovía entre Santiago e Lugo, o alcalde considera que hai que darlle "un impulso". Neste sentido, anunciou que en breve se licitarán os tres tramos cuxo proxecto está máis avanzado. Sobre a nova Terminal de Lavacolla, expresou a súa satisfacción porque en breve AENA vaia licitar a obra, de xeito que poida comezar a finais de 2007 ou principios de 2008, e estea lista a principios de 2010.

Finalmente e con respecto a outro dos contidos da reunión, a Capitalidade, Sánchez Bugallo amosou a súa confianza en "chegar a un escenario plenamente satisfactorio" en canto ao seu financiamento. Na súa opinión, unha vez conseguido o recoñecemento, o obxectivo debe ser "lograr o financiamento desexado nun tempo razoable".

Conexións aéreas
Preguntado polas negociacións municipais coas compañías aéreas tradicionais que operan en Lavacolla e polo mercado aeroportuario galego, o alcalde referiuse aos apoios que dende outros Concellos se realiza a estas compañías. "Non é un tema que nos parecera prudente e oportuno entrar, pero se outros entran, probablemente nós non nos poidamos negar a fórmulas de colaboración".

Compartir: