CULTURA

Galicia e Euskadi unidos a través da música sinfónica

03/08/2007 O grupo de musica sinfónica vasco Tirri Tarra presenta en Galicia o seu espectáculo "Luz Negra/Argi Beltz", expresión do seu segundo disco, que leva o mesmo nome. Máis de 80 persoas subiranse ao escenario da Praza da Quintana, o sábado 4 ás 22:30 horas, nun concerto no que tamén participarán o Orfeón Terra a Nosa e a Orquestra Sotto Voce.

Despois dunha intensa xira por Euskadi, esta formación, orixinaria de Pasajes de San Pedro (Guipúscoa), ofrece en Santiago o seu único concerto en Galicia. Aquí ofrecerá unha mostra da súa evolución musical, reflectida no seu disco "Luz Negra", que os levou de ser unha fanfarria a un grupo de música sinfónica.

Nada en 1973, a formación defínese a si mesma coma "un ente libre e romántico, 17 persoas. Un gran corazón, 17 almas". En canto ao seu último traballo, din que está feito "a base de pisar pozas, coma un rapaz sen medo a mollarse, durante catro anos de ensaios, de busca individual e colectiva".

A Orquestra Sotto Voce e as voces do Orfeón Terra a Nosa colaboran na actuación galega, como o fixeran na gravación do disco o Orfeón Donostiarra e a orquestra de corda "Et Incarnatus". Unha singular colaboración entre as músicas de Euskadi e Galicia.

Na rolda de presentación do concerto, participaron a concelleira Elvira Cienfuegos e d xerente do Auditorio de Galicia, Pablo Rodríguez. Tamén estiveron Patricia Maceira. da Fundación Caixa Galicia; José Ramón Isasa, portavoz do espectáculo e José Ignacio Ríos, director do mesmo.

Compartir: