EIXO ATLÁNTICO

A VII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico consolida a unión artística entre Galicia e o Norte de Portugal

02/08/2007 A exposición itinerante da VII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico chega a Compostela despois do seu paso por outras cidades de Galicia e do Norte de Portugal. A mostra recolle 36 cadros seleccionados de entre as obras presentadas a concurso nesta Bienal, consolidada xa no panorama artístico da Península Ibérica polo seu alto nivel e participación.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou esta mostra no Museo do Pobo Galego, onde permanecerá ata o 19 de agosto. Os composteláns poderán así coñecer a creación cultural ao norte e sur do Miño e descubrir novos artistas. Dende abril de 2006, en que se entregaron os premios na cidade portuguesa de Vila Nova de Gaia, a exposición foi percorrendo as distintas vilas do Eixo Atlántico. En outono de 2007 pecharase o calendario itinerante.

A Bienal de Pintura é a expresión dun dos obxectivos do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular: estreitar as relacións entre as rexións de Portugal e Galicia en tódolos ámbitos, especialmente no eido cultural.

Compartir: