PROMOCIÓN ECONÓMICA

Nace unha nova xoiería no marco de Equal Compostela Social

01/08/2007 O 30 de xullo abriu as súas portas a empresa número 49 nacida a partires do Proxecto Equal Compostela Social, impulsado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Trátase da xoiería BS Artesanía, que se atopa no número 14 da Algalia de Arriba. O estabelecemento dedícase á venda de produtos artesanais, entre os que destacan os feitos en prata, acibeche e vidro. O material á venda abrangue dende o máis tradicional ao máis contemporáneo e vangardista.

BS Artesanía, ademais de dedicarse á venda de produtos de artesanía, tamén quere ser un escaparate de promoción para os novos artistas e artesáns que queiran darse a coñecer expoñendo as súas obras cara o público. Este novo espazo aberto de exposición nace coa idea de fomentar e dar e coñecer ás persoas que comezan no mundo da artesanía.

Desde a creación Proxecto Equal Compostela Social, en novembro do 2005, constituíronse 49 proxectos empresariais. 33 deles, o 67,35%, foron creados por mulleres. 34 empresas naceron en Santiago, nove en Ames, catro en Val do Dubra, unha en Brión e outra en Vedra. O obxectivo é acadar a constitución de 50 novas empresas en Compostela.

As empresas nacidas ao abeiro de Equal Compostela Social poden beneficiarse das actividades programadas a través da Rede de Cooperación Empresarial, promovida pola Agrupación de Desenvolvemento Compostela Social. O seu obxectivo é fomentar o desenvolvemento de proxectos de cooperación empresarial que axuden ás iniciativas xurdidas no programa Equal Compostela Social a mellorar a súa competitividade e a manter unha posición sólida no mercado.

Equal Compostela Social é un programa de fomento da cultura emprendedora dirixido a persoas desempregadas que pertencen a colectivos de difícil inserción: mulleres, mozos menores de 30 anos, desempregados de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados, etc. Neste momento estase desenvolvendo a cuarta fase, na que participan 20 proxectos empresariais.

Compartir: