CULTURA

Os espectáculos de rúa do Festiclown comezan coas prazas cheas

01/08/2007 Comezaron os espectáculos de rúa do Festiclown e fixérono ateigando de xente as prazas da Cidade Histórica, a pesares de que o tempo non acompañou moito. Ademais, nesta primeira xornada de rúa, o público puido gozar dunha das demostracións de cursos de maior calidade na historia do Festiclown: a de Claudia Contín.

O xoves 2 continúan as actividades e abrirase de novo o Maraclown nas prazas do Obradoiro, Praterías e Toural ás 12, 13, 14, 19, 20 e 21:00 horas, así como dos zancudos que o mércores 1 non puideron saír por culpa do perigo que supoñían as lousas molladas. Ademais dos zancudos e do Bandaclown, dentro do Desclowntrol nas rúas o Festiclown ofrece a actuación de Fredi (Galicia) co seu espectáculo "Circanelo" ás 19:00 horas na praza do Toural. Fredi foi o gañador do Certame Intergaláctico de Interior de 2006 no festival.

No Certame Exterior estará Boni (Catalunya) co espectáculo de malabares "In Situ" no Toural ás 20:30 horas e no Interior, xa a última hora da noite (23:30 h) os madrileños La Tribu Imaginaria ofrecen "La Orgía". Os alumnos e alumnas dos cursos seguirán demostrando o aprendido da man esta vez de J. Melville, nun espectáculo itinerante que sairá ás 19:00 horas da entrada da Alameda e chegará ata a praza do Obradoiro.

A Mostra Internacional ofrece o xoves 2 "Pésame Mucho", de Pez en Raya (Catalunya). Un espectáculo divertido que conta a disparatada historia dunha vaca realmente tola que comeza a dar leite negra descubríndose así que está posuída por un diaño desdentado. "Pésame Mucho" chega a Compostela avalada pola crítica e polo público e logo de facer máis de 300 representacións polo España, Italia e Inglaterra.

E un dos acontecementos máis salientables da xornada do 2 de agosto será, de seguro, a presentación do libro "La revelación" de Leo Bassi, un dos padriños do Festiclown. Será ás 20:30 horas na Fundación Caixa Galicia. O comprometido e polémico bufón narra neste libro como naceu o seu último espectáculo, que o venres 3 presentará no Auditorio, así como toda a polémica que o rodeou e recolle, ademais, o texto íntegro do espectáculo.

Compartir: