FESTAS

As Festas do Apóstolo chegan ao seu fin co espectáculo de fogos na escalinata do Campus e a homenaxe a Queen na Quintana

30/07/2007 As Festas do Apóstolo chegan o martes 31 ao seu fin tras dezanove intensos días de gran variedade de actividades pensadas para toda a familia e para todas as idades. Unhas festas marcadas pola participación dos composteláns e visitantes e o civismo amosado en todas as xornadas.

Os concertos congregaron a miles de persoas e as actividades nas rúas foron seguidas con gran interese e participación. Os fogos na escalinata do Campus Universitario e a homenaxe a The Queen na Quintana, porán o broche de ouro a estas Festas do Apóstolo.

A empresa pirotécnica Mirada Creativa será a encargada de despedir este Apóstolo 2007. Na escalinata do Campus Universitario, ás onde da noite, sucederanse gran variedade de cores e figuras. Arredor de 20 minutos para despedir estas festas.

Volta ao pasado
Tralos fogos chegará o momento para os máis melancólicos co espectáculo "Dios salve a la reina, tributo a Queen". Este espectáculo formouse en 1998 en Arxentina. O obxectivo do grupo foi dar unha precisa reprodución dun contenido en vivo de Queen, logrando os seus estilos, sons e estéticas orixinais. Queren que o público sinta que está vendo a Freddie Mercury e Queen en vivo.

Os integrantes deste grupo son Pablo Padín (voz e piano); Francisco Calgaro (guitarra e teclados), Matías Albornoz (batería); e Ezequiel Tibaldo (baixo).

Cada un deles representa a un integrante orixinal de Queen en escea y desenvolven un repertorio non só dos temas que Queen tocaba en vivo, senón tamén cancións que non representaba totalmente, como Bohemian Rhapsody.

Este espectáculo vén de colleitar importantes éxitos por toda Latinoamérica e a crítica internacional eloxiou o traballo desta banda arxentina que, dende os seus comezos, ten unha traxectoria imparable.

"Dios salve a la reina" presenta un directo impecable e un extenso repertorio que inclúe os temas máis emblemáticos. E, ademais, os compoñentes teñen un gran parecido cos músicos orixinais, sobre todo, o cantante. Os decorados reproducen os aorixinais así como os seus vestiarios.

Compartir: