FESTAS

Os automóbiles antigos e os traxes de época provocaron admiración ao seu paso por Santiago

28/07/2007 É unha cita tradicional do cartel festivo: o desfile de automóbiles antigos polas rúas da cidade e o concurso de traxes de época na praza das Praterías. Os vellos e vistosos cacharros circularon un ano máis pola ateigada zona vella, arredor de corenta, ante a sorpresa e admiración de turistas, cidadáns curiosos e interesados polo mundo do motor.

Os aplausos constantes premiaron aos participantes, quen se afanaron en preparar e lucir os seus modelos de colección. Ademais do negro, á sombra dos cabaliños de pedra víronse coches de cores variadas e chamativas, como o vermello, o granate, o verde e o amarelo, e tamén distintas tonalidades de azul, beige e gris.

Os ocupantes vestían traxes en consonancia coa época da berlina que conducían. Hainos da época de Al Capone, con rodas grandes e faros como ollos, ata clásicos deportivos da década dos 60, planos e de morro longo. Os modelos máis antigos son un Essex do ano 1918 e un Chrysler de 1922. E os máis modernos son un Morgan do 67, ademais de varios Chevrolet, Ford e Jaguar.

Boa parte dos participantes viñeron a Santiago facendo a I Ruta Xacobea da Prata de Automóbiles Antigos. O itinerario comezou en Cáceres, subindo pola Vía da Prata, e xa en Astorga colleron o Camiño francés. Unhas 90 persoas protagonizan esta volta, entre condutores, acompañantes e persoal da organización. Trala chegada a Santiago, a primeira parada foi no complexo comercial Hipercor, antes de pór rumbo ás Praterías e ao Obradoiro. O programa continúa o domingo 29.

Compartir: