FESTAS

O alcalde convida aos padroneses a sentir Santiago como a súa cidade

27/07/2007 Como en cada edición das Festas do Apóstolo, celebrouse o Día de Padrón. Nesta ocasión, a delegación padronesa viña encabezada polo novo alcalde, Camilo Forján Seoane, quen foi recibido na praza do Obradoiro polo rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Despois do intercambio de bastóns e pendóns, os dous alcaldes e as respectivas corporacións dirixíronse ao Salón Nobre, onde pronunciaron unhas palabras. Na súa intervención, Sánchez Bugallo expresou o seu desexo de ver desenvolverse a Padrón e por ver tamén a esta vila "como motor do conxunto de Galicia".

O alcalde compostelán lembrou a colaboración entre as dúas localidades, e agradeceu a esta vila a doazón do busto de Antonio Fraguas, situada na rotonda de Conxo. Tamén se referiu ao espazo que Santiago terá en Padrón. Finalmente, invitou aos padroneses a "sentirse na súa cidade".

Pola súa parte, Camilo Forján amosou a súa satisfacción pola participación no acto de mulleres da Corporación padronesa, xa que as eleccións de maio permitiron, por primeira vez, que este municipio teña concelleiras. Ademais, animou a estender a colaboración con Compostela a temas coma o urbanismo, o turismo ou a cultura.

Como novo alcalde, Forján asinou no Libro de Honra da cidade. Logo, as dúas Corporacións escoitaron dende os balcóns as notas interpretadas polas bandas municipais de música de Santiago e de Padrón.

Compartir: