FESTAS

Preto de 300 músicos percorrerán as rúas do Casco Histórico na XXIX Homenaxe ás Bandas Populares

26/07/2007 A XXIX Homenaxe ás Bandas Populares presentouse nunha rolda de prensa na que estiveron presentes o concelleiro de Mocidade e Festas, Xosé Baqueiro; o organizador da xornada, Xosé Luis Bernal (Farruco); e a representante da Fundación Caixa Galicia, patrocinadora deste día, Patricia Maceira. O cartel desta edición foi deseñado por Xosé Miguel Tomé, que representa a época ténebre da súa última obra.

Oito bandas procedentes de Santiago, Padrón, Negreira, Guitiriz, Xinzo da Limia, Arcade, Vilagarcía de Arousa e Llerena serán as encargadas de poñer a nota musical polas rúas da zona histórica da cidade. Preto de 300 músicos chegarán sobre ás doce da mañá ao Obradoiro, onde serán recibidos polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo. Xosé Luis Bernal saudará ás bandas quen lles responderá cada unha cun acorde. Na escalinata da Quintana interpretarán todas xuntas o Himno Galego, que será dirixido por un director elixido democraticamente entre os directores das bandas participantes.

Xa á unha do mediodía, as bandas tocarán polas rúas da Zona Histórica da cidade. Ás seis da tarde as bandas ofrecerán un concerto na rúa do Vilar. Cada banda disporá de 15 minutos para interpretar as pezas que elixan liremente.

29 anos de tradición popular
Na presentación, Farruco un percorrido emotivo polos vinte e nove anos que cumpre este ano o Día das Bandas Populares. Neste tempo viñeron a Santiago 12.000 músicos e 300 bandas. No ano 1993 achegáronse ata Santiago 23 bandas, coincidindo coa celebración do Ano Santo. En Galicia hai máis de cen bandas musicais, sendo a provincia de Pontevedra a que máis posúe, con setenta.

As bandas están formadas na actualidade por xente moi nova. Tamén cos anos cambiou a mentalidade nas bandas, e agora son moitas as mulleres que xa forman parte delas mudando o tópico machista de que as mulleres debían estar en casa. Ademais, segundo sinala Farruco, posiblemente "as mulleres sexan mellores músicos porque teñen máis sensibilidade".

Compartir: