CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural de Villestro celebra o seu segundo aniversario con tres xornadas de variadas actividades

26/07/2007 O concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego presentou as xornadas coas que o Centro de Villestro celebra o seu segundo aniversario. O completo programa de actividades desenvolverase os días 26, 27 e 28 de xullo.

Na xornada do xoves, tempo para os xogos en rede na aula de informática e para unha sesión de contacontos a cargo de Marta Cuenca. Logo, campionatos de cartas, un torneo de tenis e a inauguración oficial das xornadas e da exposición de pezas e óleos de Julia Jiménez. O acompañamento musical porao a Coral Santa Susana.

Ao día seguinte, obradoiro pola tarde de ciencia divertida e visionado de películas en tres dimensións. Cartas, tenis de mesa, chave e petanca completan a oferta lúdica antes da representación teatral do grupo Caratúa Teatro.

Para o sábado 28 queda a II Carreira de Mountain-bike, con percorridos diferentes por idades. Xa pola tarde, xogos tradicionais e en rede, as finais dos campionatos e a entrega de premios aos gañadores. A actuación musical de Som do Galpom pechará estas intensas xornadas.

Documentos relacionados



Compartir: