COMERCIO

Bandas acreditativas para os mellores escaparates do verán

26/07/2007 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou as súas bandas acreditativas aos tres premiados na edición de verán do IV Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping". Belén Mosquera, Enjabonarte e Media Lúa foron os comercios galardoados.

En primeiro lugar clasificouse o taller e tenda de vestidos de noiva Belén Mosquera pret-a-couture, situada na rúa Fonte de San Miguel, 1. O xurado valorou a elegancia e sinxeleza dos seu escaparate, que destaca pola eficacia comunicativa malia as reducidas dimensións do local. Tamén se tivo en conta o traballo arquitectónico e decorativo do interior.

Tamén recibiu a súa banda Enjabonarte, rúa dos Bautizados, 3. O local segue destacando pola súa orixinalidade e ambientación. Un produto coma o xabón, que a priori non ofrece grandes posibilidades, é empregado nesta tenda para un deseño novidoso e colorista.

O terceiro dos recoñecementos recaeu en Media Lúa Marroquinería, na rúa Travesa 5, que xa gañara a edición de primavera. O xurado apreciou o seu original escaparate de inspiración africana. O coiro e a area fusiónanse co carácter étnico da proposta e reforzan o valor da produción artesanal comercializada.

A esta edición de verán do Concurso de Escaparatismo concorreron 19 establecementos comerciais. Ademais da banda acreditativa, so gañadores reciben investimentos en promocións publicitarias. Os anuncios, a nivel local, inclúen campañas en televisión, prensa e radio, en función da clasificación.

Compartir: