FESTAS

O alcalde salienta no tradicional Bando do Apóstolo a gran hospitalidade dos composteláns e invita a todos a desfrutar das festas

25/07/2007 A capital de Galicia celebra un ano máis o seu patrón, Santiago Apóstolo, no momento de iniciar un novo mandato municipal. Achegámonos ás festas coa satisfacción de ver que a nosa cidade é un punto de referencia para miles de visitantes que estes días a elixen para gozar das súas vacacións.

Na actualidade, o turismo xa non é un fenómeno estacional de verán en Santiago de Compostela e comprobamos que a poboación visitante se multiplica nas celebracións. Debemos, polo tanto, multiplicar tamén a nosa capacidade de acollida, a nosa capacidade de compartir e a nosa capacidade de amabilidade para cos visitantes.

Os composteláns e as compostelás somos conscientes de que a nosa condición de capital implica un compromiso con Galicia e cos galegos e galegas, aos que convidamos a celebrar este Día de Galicia en Compostela que, ademais de ser Patrimonio da Humanidade, é unha cidade aberta e tolerante, froito da mestura das distintas culturas que a ela chegaron peregrinando ao longo dos séculos.

Hoxe Santiago é un privilexiado escenario para a celebración do Día de Galicia, unha xornada que debe ser expresión da harmónica convivencia das ideas e opinións plurais do noso pobo, da nosa singular identidade e da nosa peculiar cultura.

Invítovos a gozar destas festas compartidas con cantos nos visitan, amosando toda a cordial hospitalidade desta urbe anfitriona na que temos a honra de convivir.

Xosé A. Sánchez Bugallo
Alcalde de Santiago de Compostela


Compartir: