ALCALDÍA

A libraría Couceiro abre as súas portas en Cervantes

23/07/2007 Despois de décadas no local da República de El Salvador e dun período transitorio no Hórreo, abre as súas portas na praza de Cervantes a libraría Couceiro. Dende o luns 23 está aberta ao público este establecemento, tan ligado á historia de Compostela.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a nova libraría, que alberga uns 50.000 libros nas súas seis plantas. O establecemento, especializado na venda de libro galego e portugués, ten tamén salas para conferencias ou exposicións.

No acto de inauguración, Sánchez Bugallo, amosouse satisfeito de que unha iniciativa "de calidade" teña continuidade no tempo, logo de trinta e oito anos apostando pola lectura en Compostela. O alcalde alabou o traballo realizado polo arquitecto Iago Seara, que soubo sacar partido do traballo de cantería e madeira da antiga vivenda.

Xesús Couceiro e os seus fillos escolleron a que fora a casa da familia López Facal, na Praza de Cervantes, para reabrir as portas dunha librería emblemática de Santiago. No acto de inauguración participaron, ademais do alcalde, o director xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura, Luis Bará, a xornalista e poeta Ana Romaní e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. Todos eles coincidiron en destacar que se abre un espazo para esperanza, tanto no que atinxe á actividade cultural compostelá, que se ve fortalecida, como na recuperación da actividade vital do casco histórico.

Compartir: