CENTROS SOCIOCULTURAIS

O Centro Sociocultural do Ensanche proxecta vídeos musicais

20/07/2007 Do 21 ao 28 de xullo, o Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche acollerá a proxección de diversos videos musicais. A actividade, denominada "Videoshow", pretende dar a coñecer o potencial cultural do video musical. Exhibiranse videos achegados por Zënzar, Transportes Hernández y Sanjurjo, Samesugas, Teatro Cachuzo, Megaloves e Vinilo Keepers.

Este "Videoshow" exhibirá periódicamente producións videográficas de carácter alternativo e independente; marcándose como obxectivo o de mostrar unha pluralidade de creacións achegadas por videoaficionados, animadores, performers, e creativos diversos, interesados en dar a coñecer, compartir e estender o seu traballo audiovisual.

Tendo presente que existe unha gran cantidade de grupos, autores e creadores musicais aficionados e profesionais, que se van incorporando á producción de vídeos como forma de promocionarse, esta primeira sesión adícase ao xénero do videoclip. Son seis propostas, que se proxectarán repetidamente do 21 ó 28 de xullo, en horario de 17:30 a 20:30 horas de luns a venres e de 10:30 a 13:00 e de 18:00 a 19:30 horas os sábados.

A organización corre a cargo do Servizo Arte e Cultura do Departamento de Centros Socioculturais. Os interesados en proxectar as súas producións en convocatorias sucesivas poden dirixirse a este servizo do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Para a selección dos vídeos tense en conta tanto a calidade da produción coma a creatividade empregada cos medios de que dispuxeron os realizadores no momento da produción. Ademais. xunto co visionado do clip, distribuirase unha tarxeta cos datos do vídeo exhibido.

Documentos relacionados



Compartir: