REHABILITACIÓN

O Concello asina con Vivenda un convenio para o financiamento dos gastos de mantemento das oficinas de rehabilitación

20/07/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou coa conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, un convenio que permitirá financiar os gastos de mantemento e de persoal das oficinas de rehabilitación destinadas a informar e xestionar as axudas públicas nas Áreas de Rehabilitación. O Concello de Santiago conta con dúas destas áreas declaradas, nas que se rehabilitarán 535 vivendas.

O obxectivo do convenio é contribuír a dotar ás oficinas dos recursos económicos necesarios para desenvolver plenamente o seu labor como instrumento técnico e de información, asesoramento e incentivación das actuacións nas Áreas de Rehabilitación. A Consellería de Vivenda e Solo concederá unha subvención por oficina que pode chegar ata os 60.000 euros en concepto de axuda aos gastos de mantemento e de persoal. O importe das axudas non poderá superar o 100% dos gastos previstos para 2007.

Santiago conta con dúas Áreas de Rehabilitación declaradas: a ARI Polígono de Vista Alegre e a ARCH Centro Histórico de Santiago. A Consellería de Vivenda e Solo destina un total de 2.706.186 euros para a rehabilitación de 535 vivendas incluídas nas dúas Áreas de Rehabilitación e para a urbanización dos espazos públicos.

Compartir: