FESTAS

Rock e zarzuela nunha nova xornada das Festas

20/07/2007 Diversas actuacións musicais están organizadas para a xornada do sábado 21, no marco das Festas do Apóstolo. No Multiusos do Sar terá lugar a esperada actuación de Andrés Calamaro e Fito & Fitipaldis, que presentan a súa xira conxunta: "2 son multitud". Só ofrecerán catro concertos neste tour, escollendo a Santiago como escenario dun deles.

O espectáculo comezará ás 22:00 horas cos dous artistas sobre o escenario cantando xuntos algúns dos seus grandes éxitos e facendo versións dos seus temas. A continuación, sucederanse dous bloques co repertorio propio de cada artista. Trala xira española, ofrecerán unha serie de concertos en Latinoamérica.

"La verbena de la Paloma"
Para os amantes da música máis tradicional, hai unha importante cita na Quintana coa representación da zarzuela "La verbena de la Paloma". O evento foi presentado polo concelleiro de Mocidade e Festas, Xosé Baqueiro; o director da obra, Paco Navajas; e o director musical, Alejo Sanchís.

Segundo sinalou o director, Paco Navajas, a representación ten unha montaxe moi coidada na que participan máis de trinta actores. Ademais, os decorados están elaborados da mesma forma da obra que se estrenou por primeira vez en Madrid. Os responsables desta actuación quixeron destacar que queren que "a xente coñeza a alegría da zarzuela e xa que se fai ao aire libre, convidamos a todos a que canten cancións tan famosas como "¿Dónde vas con mantón de manila?" ou "Una morena y una rubia", entre outras".

O obxectivo desta compañía é difundir a zarzuela por toda Galicia e esperan ter un cheo total na Quintana para poder converter este espectacular escenario nun lugar castizo e cheo de chulapos e chulapas.

E ás once da noite, tócalle o turno aos amantes do jazz coa actuación de Alberto Conde Trío no Toural. Presentan en Santiago o seu último disco, "Andaina", onde a música galega viaxa a través do Jazz con novas composicións.

O gospel ao Teatro Principal
A actuación, o domingo día 22, do grupo Marlena Smalls & Hallelujah Gosper Choir cambia de escenario por risco de choiva. Dadas as previsións metereolóxicas que anuncian auga para esta xornada, o espectáculo de Gospel pasará a celebrarse no Teatro Principal, en lugar de ser na Quintana.

A celebración será á mesma hora, 22:00 horas, e a venda de entradas farase do mesmo xeito, contando co aforo co que dispón o Teatro Principal.

Presentación do espectáculo pirotécnico
O concelleiro de Mocidade e Festas, Xosé Baqueiro, e o responsable da empresa Mirada Creativa, Manuel Coronado, presentan tamén o sábado 21 en rolda de prensa os fogos artificiais deste Apóstolo 2007. Na rolda de prensa daranse datos sobre o desenvolvemento do espectáculo de luz e son, os tradicionais Fogos do Apóstolo, que se celebrarán na noite do martes, 24 de xullo, na Praza do Obradoiro.

Cun presuposto de 229.000 euros e patrocinado polo Consorcio da cidade, os Fogos do Apóstolo son un dos espectáculos pirotécnicos máis impresionantes que se realizan nun casco histórico, ademais de convertirse cos anos nunha celebración de proxección internacional.

Compartir: