EDUCACIÓN

O fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza informa á comunidade educativa das prestacións que se poden aplicar a rapaces conflitivos

03/06/2005 O Consello Municipal de Educación do Concello de Santiago, órgano de representación da comunidade educativa de Compostela, celebrou o 2 de xuño unha sesión extraordinaria que tivo como tema principal a exposición do "Informe e propostas de actuación arredor das prestacións en beneficio da comunidade que se poden aplicar aos menores infractores consonte á Lei Orgánica 5/2000 de 12 de xaneiro, reguladora da Responsabilidade Penal dos Menores", a cargo do fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela.

Durante a súa intervención, Carlos Varela presentou ante a comunidade educativa compostelá a metodoloxía que se pode aplicar para a reeducación e a reinserción dos mozos e mozas non maiores de 18 anos que cometeron delitos ou faltas menores, unha intervención que formula alternativas á sanción penal.

Segundo explicou o fiscal xefe, este tipo de axudas para rapaces conflitivos han de ser de interese social ou ben a favor de persoas necesitadas. Outro requisito que deben de cumprir é o de poder asociarse ao tipo de dano causado polo menor. En canto ás sesións que reciban os menores, han de ser de menos de catro horas diarias para os menores de dezaseis anos e de menos de oito horas para os que mozos de entre dezaseis e dezaoito anos.

Por outra banda, o fiscal xefe ratificou que desde que se implementou esta lei arredor do 80% dos mozos que participaron corrixiron en boa medida os comportamentos asociais.

Esta exposición formal á comunidade educativa serviu para pedir o compromiso e a colaboración da escola, do concello, dos pais e nais, dos alumnos e de todas as institucións que, dalgunha maneira ou doutra, están implicadas no proceso educativo, para que se fagan este tipo de prestacións.

Na súa intervención, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, quixo recoñecer o esforzo de coordinación dos diferentes departamentos municipais para levar a cabo este tipo de prestacións. Actualmente na cidade, opinou Sánchez Bugallo, son tres eixes os que máis lle preocupan: a inmigración, a integración dos xitanos e a igualdade de xénero.

Pola súa banda, a concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, sinalou que desde o súa concellería se procurará que o Consello Municipal de Educación sexa un vixiante de situacións de conflitividade, isto é, que se dea unha reposta en conxunto desde institucións e colectivos cidadáns.

Compartir: