INFRAESTRUTURAS

Conclúe a primeira fase das obras na Rúa Nova de Abaixo

20/07/2007 Para o día do Apóstolo estará concluída a primeira fase das obras de reurbanización da Rúa Nova de Abaixo, entre Santiago del Estero e Montero Ríos. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Obras e Infraestruturas, Bernardino Rama, visitaron as obras, que teñen un orzamento total de 797.854 euros.

Despois de rematar as conducións de auga, electricidade e saneamento, estase a colocar a última parte dos pavimentos da calzada e das lousas das beirarrúas. Precisamente, o terreo gañado para as beirarrúas é unha das principais características desta actuación, de xeito que non haberá espazo de carga e descarga entre Santiago del Estero e a confluencia co Montero Ríos. Estas zonas habilitaranse nas proximidades da Praza de Vigo e na propia Montero Ríos.

Malia que a intervención estética é semellante á realizada en outras rúas xa reformadas no Ensanche, como Xeneral Pardiñas ou República do Salvador, a reurbanización desta rúa tamén presentará novidades en canto ao mobiliario, vexetación e iluminación a colocar. Destaca a luz indirecta proxectada a carón das árbores e os bolardos luminosos. A rúa tamén levará contedores subterráneos.

Rematada a primeira fase das obras e aberta ao tráfico a rúa no tramo concluído, continuarase coa segunda, entre Santiago del Estero e a Praza de Vigo.

Segundo o alcalde, esta obra responde a "unha demanda de moito tempo dos veciños e á necesidade dunha intervención potente que permita racionalizar a rede de servizos da rúa". Despois da Rúa Nova de Abaixo, as seguintes reurbanizacións serán as de Montero Ríos e Doctor Teixeiro.

Compartir: