FESTAS

Julieta Venegas pechou en Compostela a súa xira española

19/07/2007 A cantante mexicana Julieta Venegas ofreceu na praza da Quintana o concerto co que pechou a súa xira española. Antes, a artista presentara a actuación en Raxoi. Alí foi recibida polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, e despois atendeu aos medios acompañada polo concelleiro de Mocidade e Festas, Xosé Baqueiro, e por unha representante da Fundación Caixa Galicia, Ana Salgado.

Julieta Venegas amosou o seu entusiasmo por poder actuar nun escenario tan "máxico" como é a Quintana, e asegurou a todos os que asistiran ao seu espectáculo tiñan asegurado "un momento moi bonito". Ademais, a cantautora sinalou que era a primeira vez que ofrecía un concerto en Santiago de Compostela, pero que é ben coñecedora da cultura galega e das súas xentes.

O concerto que daba comezo ao Compostela Festival era o último dentro da súa xira, "Limón y sal," en España. Despois, continuará a xira ata mediados de setembro en Latinoamérica, previo paso por Milán.

Julieta Venegas afirmou que no espectáculo ía ofrecer un repertorio dos seus mellores temas, ademais da presentación das cancións do seu último disco. A cantante quixo destacar que aínda que chovera, "acabarei o concierto se o público me aguanta".

Neste último disco, a artista mexicana fala do amor, desamor, o escepticismo… en definitiva, da vida real, aínda que sinala que "moito do que escribo é platónico".

Compartir: