CULTURA

Compostela reforza os seus vínculos cos países lusófonos

19/07/2007 Colaborar economicamente con diversas actividades relacionadas coa lingua e cultura portuguesa é o obxectivo do convenio asinado polo concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, e polo presidente da Fundación Vía Galego, Carlos Callón. A contía achegada polo Concello será de 25.000 euros.

Esta achega permitirá colaborar no sostemento económico de varias actividades organizadas pola Fundación Vía Galego. Coas mesmas preténdese poñer de relevo o "ámbito privilexiado para as relacións con Compostela", que ofrece a Lusofonía, en palabras de Néstor Rego.

Unha destas actividades será un Congreso sobre Cabo Verde, un país co que Galicia, e Santiago en particular, mantén importantes vínculos. Tamén se realizará un intercambio teatral con este país africano.

O convenio tamén recolle a elaboración dunha unidade didáctica sobre lingua e cultura portuguesa para os centros de ensino, e unha xornadas sobre literatura e música lusófona nos institutos de Santiago de Compostela. Haberá encontros con autores e sesións de cinema. Ademais, está prevista a organización de conferencias sobre "Compostela e Braga, dúas capitais culturais no reino de Galicia" e "A cultura galega abre portas á Lusofonía".

O ámbito do acordo tamén atinxe á xestión do arquivo da Mesa pola Normalización Lingüística a cargo da Fundación Vía Galego. Neste cometido, continuarase a adquirir material bibliográfico e audiovisual para o centro de recursos da Lusofonía que se pretende crear.

Compartir: