FESTAS

Oito grupos tradicionais do folclore galego inundarán cos seus sons e bailes a praza da Quintana

14/07/2007 As Festas do Apóstolo 2007 arrincaron no Obradoiro coa lectura do pregón a cargo da actriz galega Isabel Blanco. A actriz, que estaba visiblemente emocionada por ser a pregoeira destas festas, amosou no seu discurso a admiración que sinte por Santiago de Compostela e un gran agarimo polas súas xentes. Tralo pregón, foi Soraya a encargada de animar ás 8.000 persoas que se congregaban no Obradoiro para bailar e cantar ao ritmo do último disco da cantante de Operación Triunfo, "Ochenta´s".

Por outra parte, como todos os anos, dentro do marco das festas do Apóstolo, celébranse as Xornadas de Folclore Galego, que se celebrarán durante dous días (domingo 15 e luns 16). Este evento cultural está xa asentado na cidade e pretende atraer aos grupos máis representativos do panorama do folclore tradicional galego.

Bailarán cada día catro grupos. Éstes realizarán previamente e con saída desde o paseo central da Alameda un desfile polas rúas da zona vella, enchéndoas de música e cores.

Na xornada do domingo estarán sobre o escenario da Quintana os seguintes grupos: Cantigas de Santiago (Santiago de Compostela); Brincadeira (Santiago de Compostela); Frores Novas (Vigo); e Donaire (A Coruña).

O luns, día 16, os grupos encargados de animar á Quintana serán: Ultreia (Santiago de Compostela); Colexiata do Sar (Santiago de Compostela); Bilitroque (Carballo); e Trompos os Pés (Pontevedra). As xornadas cumpren este ano a súa XXXIX edición.

Compartir: