FESTAS

Serrat e Sabina presentan en Santiago a súa xira conxunta, "Dos pájaros de un tiro"

13/07/2007 As Festas do Apóstolo arrincan cun cartel de luxo. Agárdanos 19 días cheos de actividades, grandes espectáculos e concertos pensados para o goce de toda a familia, os máis mozos e os turistas. As Festas arrincan coa lectura do pregón a mans da actriz galega Isabel Blanco, que dará paso ao concerto da cantante de Operación Triunfo, Soraya Arnelas quen presentará o seu novo disco, "Ochenta´s".

Na xornada do sábado 14 o protagonismo centrarase no concerto que ás 22:30 horas terá lugar no Obradoiro. Serrat e Sabina chegan a Santiago de Compostela para presentar a súa xira conxunta: "Dos pájaros de un tiro". Estes dous grandes cantautores cantarán a dúo e cambiarán as súas cancións. A expectación está asegurada imaxinando como sonarán as cancións de Serrat na personal voz de Sabina e viceversa.

As 13.000 persoas que se acheguen ata o Obradoiro poderán desfrutar do repertorio máis coñecido destes dous grandes da historia musical de España.

Inauguración das noites na Alameda ás 20:30 horas
Outra cita importante na xornada do sábado será a inauguración das Noites na Alameda. Haberá unha carpa instalada na Alameda con música caribeña, salsa, merengue, cumbia e clases de baile. Os grupos que participarán nesta primeira cita son: Brazilian Music, Sambabrasil, Los Orlando, Porto da Barja (grupo de capoeira) e dj´s de música brasileira e cubana.

Compartir: