COMERCIO

A Concellaría de Comercio non repetirá o programa piloto "Comercio compostelán, para mercar e xogar"

17/07/2007 A Concellaría de Comercio non repetirá o programa piloto "Comercio compostelán, para mercar e xogar", incluído no Plan de Excelencia Comercial, ante os baixos resultados acadados o ano pasado e a falta de participación no mesmo das asociacións de comerciantes.

Santiago Centro e Compostela Monumental declinaron participar no programa. En 2006 ACOTES tampouco se quixo sumar a esta iniciativa, que tiña como obxectivo que os clientes puideran mercar con tranquilidade nos establecementos asociados mentras os rapaces se divirten baixo a supervisión de coidadoras especializadas en dinamización da infancia.

"Comercio compostelán, para mercar e xogar" desenvolveuse no Pazo de Bendaña en setembro, outubro, novembro e decembro, mes no que se reforzou o servizo cunha campaña especial de Nadal. Neste tempo beneficiáronse do servizo 97 nenos e nenas de entre tres e dez anos, 53 deles no mes de decembro. Ningún dos días se superou o número de sete nenos e incluso en algún deles deles non asistiu ningún. O custo do programa foi de 12.000 euros.

O programa naceu como unha experiencia piloto para ver se era un instrumento eficaz de dinamización comercial. Ante os baixos resultados acadados na primeira edición do 2006 a Concellaría de Comercio fixo unha nova proposta as asociacións de comerciantes, rediseñada co obxectivo de mellorar os datos de participación do ano pasado. Esta proposta presentouselle nunha reunión celebrada o martes, 10 de xullo no Pazo de Raxoi, na que estiveron representantes das asociacións comerciais.

Despois de coñecer as decisións tomadas por Santiago Centro e Compostela Monumental de non participar na iniciativa, a Concellaría de Comercio ten decidido non repetir este programa e centrar os seus esforzos no resto de iniciativas vinculadas ao Plan de Excelencia Comercial en beneficio do conxunto do comercio compostelán.

Compartir: