CULTURA

O Festiclown confirma en 2007 a súa dimensión cada vez máis internacional

17/07/2007 Chega unha nova edición do Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown 2007, que nesta edición celébrase do 30 de xullo ao 5 de agosto. Un ano máis, o certame trae o mellor do clown internacional e convértese, coas súas diversas actividades, nunha invitación ao divertimento permanente nas rúas e espazos de Compostela.

Un total de 120 actuacións a cargo de 45 compañías integran o programa do Festiclown, un evento convertido en "referencia cultural do verán en Compostela", segundo o concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego. Na súa opinión, este certame "contribúe a achegar á xente un tipo de artes escénicas que gañan peso na cidadanía e a promocionar a cidade.

Pola súa parte, Fran Rei, de Cooperactiva Cultural, destacou a programación "ampla, variada e de calidade, á altura dos mellores festivais de clown de Europa". Ademais do aspecto lúdico, referiuse ao formativo e aos máis de 200 alumnos procedentes de España, Portugal, Francia, Italia ou Hispanoamérica que participarán nos 13 cursos previstos no Formaclown.

Actuacións de prestixio
Entre as actuacións destacadas desta edición, o mimo-clown inglés Fraser Hooper, co seu espectáculo "Strawberry"; ou Leo Bassi, que nesta ocasión trae a Compostela "La Revelación", sobre o poder da Fé. De Bélxica chegará Badaleu’x, cun novo formato que combina danza e malabares.

De dentro das nosas fronteiras salienta o espectáculo de Magic Andreu para pechar o Festiclown. Pero tamén de Cataluña proceden os espectáculos de Pez en Raya e de Pepa Plana. E de Galicia, mención especial para Zancalino, coa representación "Perigo: Zico, Zaca, Zuco…", que dende a rúa de San Francisco ata a praza do Obradoiro divertirá ao público con música, baile, acrobacia e equilibrios imposibles.

Certame Intergaláctico e Clown Off
Pero o Festiclown é moito máis, e como mostra o Certame Intergalático, unha oportunidade para asistir a representacións de novos artistas e compañías. Os espectáculos desenvolveranse no Toural e no Teatro Principal. Seleccionáronse dez compañías: Lucas Trapaza (Castela León), La Tribu Imaginaria (Madrid), Las Pestañas (Catalunña), Síndrome Clown (Andalucía), Peter Punk (Galicia), Picompé (Galicia), Azulkillas (Euskadi), Malabreikers (Madrid), Boni (Cataluña) e Chacovachi (Arxentina).

Será o público o que escolla os gañadores en cada unha das modalidades do certame. A entrada é de balde ata completar o aforo.

Nesta liña de contacto co público está tamén o Clown Off, no que os artistas e compañías participantes atopan un marco, o pub Dado Dadá, para presentar os seus números en preparación ou espectáculos na procura dun contacto directo co público do Festiclown.

Desclowntrol nas Rúas e malabaristas
A animación nas rúas de Compostela corresponderá ao Desclowntrol nas Rúas, con diversos espectáculos itinerantes polo Casco Histórico a cargo de Bandaclown, Invasión Zancuda, Fredi, La Máscara e Trasno. Tamén nas rúas e prazas, demostracións dos cursos de formación do Formaclown. A cousa non queda aí, porque o Maraclown, a sección de gorra do Festival, programou máis de cen pases entre o 1 e o 5 de agosto a cargo de 18 compañías.

E para completar as propostas, por segundo ano consecutivo o Festiclown convoca un Encontro de malabaristas, un espazo para o irmandamento do mundo dos pallasos e dos malabaristas, que compartirán tres días de convivencia, formación e risos nas rúas e teatros de Compostela.

Solidariedade
Tampouco cómpre esquecer que, como cada edición, o Festiclown ten un compoñente solidario. Así, o recadado da venta de entradas da Mostra Internacional de Interior e da Gala do Maraclown Solidario destinarase ao Fondoclown Solidario, que irá para un proxecto social. Nesta ocasión, trátase dunha nova caravana de pallasos aos municipios autónomos zapatistas de Chiapas (México).

Tamén con este carácter solidario exhibirase a exposición "Ropapostales" no Teatro Principal, e proxectarase o documental "Payasos sin Fronteras en Sri Lanka 2005" na Fundación Caixa Galicia. Leo Bassi presentará o libro "La Revelación" e Jesús Jara pronunciará unha charla pallasa sobre "A función social do clown".

Estela, Rede de Festivais de Maxia e Clown
Na presentación do Festiclown tamén se deu a coñecer Estela, Rede de Festivais de Maxia e Clown, é unha iniciativa de tres dos festivais máis destacados neste ámbito no estado español: o Festiclown de Santiago de Compostela (Festival Internacional de Clown de Galicia), a Fira Màgica de Santa Susana (Barcelona) e o Magiclown de Sant Josep (Eivissa).

Este acordo nace coa vontade de promocionar de xeito conxunto os tres festivais membros mediante a proxección e desenvolvemento de actividades comúns, a coordinación e optimización de recursos e medios e a publicidade conxunta. Estela traballará pola difusión de programas de maxia e clown, así como polo fomento do turismo e a cultura nas rexións dos tres festivais.

Para iso desenvolveranse diversas iniciativas de carácter promocional que difundirán o Festiclown, a Fira Máxica e o Magiclown por todo o Estado, tanto para dar a coñecer a súa programación artística internacional, como o seu importante programa formativo, dos máis destacados de Europa en disciplinas como o clown, o teatro cómico ou a maxia.

Direcciones relacionadas



Compartir: