ZONA HISTÓRICA

Un estudo determinará os servizos a implantar grazas á rede Wimax no Casco Histórico

16/07/2007 O Goberno local iniciou a contratación dunha asistencia técnica para a realización do Estudo de implantación de servizos baseados na utilización dunha rede Wimax no Casco Histórico de Santiago, por procedemento negociado sen publicidade, establecendo un tipo de licitación de 30.000 euros. Ademais, acordouse solicitar ao Consorcio a súa participación neste proxecto, cunha achega de 275.000 euros durante o presente 2007. Os restantes 275.000 euros que completan o financiamento corren a cargo do Ministerio de Industria.

A rede Wimax permitirá incorporar o Casco Histórico ás novas tecnoloxías de información e da comunicación, poñéndoo ao mesmo nivel que outras zonas da cidade neste ámbito. Fará posible servizos como os de telemedicina e teleasistencia, vital para colectivos específicos como anciáns, enfermos ou mulleres maltratadas; os de seguridade e emerxencias; puntos de información cidadá de acceso público; servizos de información turística ou o acceso á administración electrónica. Aos comerciantes facilitaralles a xestión diaria ou unha maior seguridade grazas aos servizos de televixilancia.

WIMAX (Worldwide Interoperability for Microwave Access) permite conexións a Internet de alta velocidade (ata 70 Mbps), inalámbricas, ata unha distancia de 50-60 km e en mobilidade sen perder a conexión. Ademais, posibilita unha adecuación do ancho de banda do canal en función das necesidades da aplicación concreta, garante a seguridade, vía encriptación, da información e ten capacidade para explotar comunicación de voz sobre IP.

Esta rede é unha ponte para a incorporación de Santiago ao programa Cidades Dixitais 2, un cobizoso proxecto para o período 2007-2010 convocado polo Ministerio de Industria.

Compartir: