FESTAS

A actriz Isabel Blanco declara na apertura das Festas a súa "pertenza sentimental a Compostela"

13/07/2007 As Festas do Apóstolo xa están en marcha. A actriz galega Isabel Blanco encargouse de abrilas co tradicional pregón dende os balcóns do pazo de Raxoi. Abaixo, na praza do obradoiro, milleiros de persoas escoitaron as verbas dunha pregoeira que falou da súa relación con Compostela.

Isabel Blanco dirixiuse ao auditorio recordando a súa condición de "actriz que sempre trata de ser embaixadora de Compostela onde queira que a leve ese Camiño de ida e volta". E ante a inmensidade da praza do Obradoiro, apuntou que "algo tan grande, que me fai sentir pequena, pero erguida pola inmensa honra de ter merecido ser a vosa pregoeira".

A actriz declarou a súa "pertenza sentimental a Compostela" e lembrou a súa vinculación persoal con Santiago: "Un día meus pais emprenderon unha viaxe e desde aquí empezaron a debuxar o que sería o meu mapa do mundo persoal. Desde aquela e seguindo esa estela emigrante, tiven que aprender a face-lo Camiño de Santiago, pero ó revés, sempre viaxando cara destinos que me alonxaban de onde quería estar. Estar lonxe faiche valorar o teu fogar, a túa casa. E eu sempre volvín a Compostela, porque aquí teño familia, amizade, traballo e alegría e porque identifico isto co meu lugar de pretenza, ese do que falaba o escritor Peter Handke". Tamén repasou a sua traxectoria persoal co escenario do pregón, que a vinculou en distintos momentos da súa vida co Rectorado e co Hostal dos Reis Católicos.

Para ir rematando, referiuse a Compostela como unha mestura: "a tradición e a modernidade, a historia e a actualidade, a cultura e a fe, a choiva e o arte, a oración e a festa". Porque Santiago, dixo, defínese pola "súa capacidade de unión, a súa chamada á unidade e a súa universalidade".

Finalmente e antes de declarar abertas as festas, fixo unha chamada ao bo tempo para os 18 días de celebracións e animou a composteláns e visitantes a gozar das festas e de Compostela e a súas xentes.

Rematado o pregón, os milleiros de persoas presentes no Obradoiro pudieron disfrutar do concerto de Soraya.

Documentos relacionados



Compartir: