PLENO

PSOE e BNG explicaron en Pleno o Acordo de Goberno 2007-2011

13/07/2007 Nun pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular, o PSdeG-PSOE e o BNG explicaron o Acordo de Goberno 2007-2011 subscrito entre ámbalas formacións o 19 de xuño. O alcalde, o tenente de alcalde e os voceiros dos dous grupos municipais ratificaron os compromisos asinados entón e responderon ás preguntas do voceiro do PP, Gerardo Conde Roa, sobre os mesmos.

Os voceiros do PSOE, Marta Álvarez-Santullano, e do BNG, Socorro García Conde, apelaron unha vez máis ao "carácter público" do acordo. Así, o texto do compromiso será repartido en tódolos domicilios composteláns. Ademais ,recordou unha vez máis García Conde, este acordo "susténtase sobre bases programáticas". Neste punto coincidiu tamén Álvarez-Santullano, ao sinalar que "o acordo representa a vontade da maioría dos cidadáns de Compostela".

Tamén Xosé A. Sánchez Bugallo e Néstor Rego tomaron a palabra para explicar un acordo que ten, como obxectivos xerais "mellorar a calidade de vida no marco dunha cidade habitable e sostible, consolidar a Compostela como capital de Galicia, impulsar a cooperación comarcal, reforzar o papel de Compostela como cidade da cultura e da innovación, e pular pola extensión e mellora dos servizos públicos e de benestar".

Estes obxectivos plásmanse en 44 medidas de goberno, que aluden aos principais eixes da acción municipal. O acordo aséntase nunhas bases que "deben ser garantía de estabilidade e gobernabilidade para os vindeiros catro anos". A actuación basearase nos principios de unidade de xestión e solidariedade, autonomía e eficacia.

Documentos relacionados



Compartir: