ALCALDÍA

Os ingresos polos usos residenciais e terciarios empregaranse integramente para financiar a construción da nova estación do AVE

13/07/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que en poucos días estará redactado o texto que plasmará o principio de acordo ao que o Concello chegou coa Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), trala xuntanza mantida en Madrid o martes 10 de xullo. O acordo fixa, entre outros aspectos, que a totalidade do xerado polo aproveitamento urbanístico da operación se utilizará para financiar a construción da estación do AVE.

Sánchez Bugallo manifestou a súa "satisfacción moderada" polo acordo, á espera que se visualice nun texto definitivo e de que sexa sometido ao Consello de Administración de ADIF. Recordou que deste xeito se encauzaría este tema "non sen tempo", tras 18 meses de negociacións. Unha comisión de seguimento paritaria entre as tres administracións supervisará e impulsará a execución do proxecto.

No caso de producirse algún excedente investiríase tamén no propio municipio. Ademais do financiamento da estación do AVE cos aproveitamos urbanísticos, cómpre lembrar que a estación de autobuses, que estará conectada coa do AVE no mesmo lugar será financiada pola Comunidade Autónoma.

O acordo contempla a construción do complexo formado pola estación do AVE e a estación de autobuses cun volume construído de 25.000 metros cadrados, varios aparcamentos soterrados cunhas 1.800 prazas e tamén usos residenciais, hoteleiros, comerciais e outros usos terciarios (restauración, oficinas, ocio, etc.). No complexo da estación do AVE e intermodal prevese un máximo de 5.000 metros cadrados para usos terciarios.

Irmandamento do Santiago do Cacém
Na súa habitual rolda de prensa dos venres, o alcalde tamén valorou o irmandamento coa cidade lusa de Santiago do Cacém, a única deste país que leva o nome de Santiago, pero na que hai unhas 30 demarcacións con algunha referencia. Esta é unha das razóns pola que o Concello decidiu realizar este acto de unión, ademais da insistencia de cinco anos do propio municipio portugués e da intención de revitalizar a ruta sur do Camiño Portugués e esta cidade, antiga sede lusa da Orde dos Cabaleiros de Santiago.

Sánchez Bugallo anunciou que para finais de setembro se ratificará o irmandamento en Compostela. Deste xeito, Santiago do Cacém únese a Coimbra na lista de cidades lusas irmandadas coa cidade. A intención do Concello é tamén facer posible a unión con Braga.

Festas do Apóstolo
O alcalde aproveitou a súa comparecencia ante os medios para expresar o seu convencemento do "éxito" das Festas do Apóstolo ao longo dos seus 19 días de duración. Neste sentido, cualificou o programa de "extraordinariamente diverso".

Compartir: