PROMOCIÓN ECONÓMICA

Compostela acolle o 27 e 28 de setembro a primeira reunión de REDEL

12/07/2007 Santiago acollerá o 27 e 28 de setembro a primeira reunión da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local (REDEL), da que Compostela é socio fundador. No encontro concretaranse as accións contempladas no Plan de Actuación 2007. O plan, aprobado o 31 de xaneiro do 2007 en Bilbao, contempla tres liñas de acción: reflexión sobre áreas clave de actuación, comunicación externa e desenvolvemento de proxectos, e acceso a financiamento. A estas liñas de traballo engádese a de labores de xestión interna da entidade.

O Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, participará en dúas das catro liñas de traballo que se desenvolverán na acción número tres do Plan de Actuación 2007 de REDEL. Esta acción contempla o deseño e presentación de proxectos de interese conxunto para os integrantes da Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local. As áreas de actuación nas que participará Compostela son a de Promoción Económica e a de Emprendemento.

REDEL é unha entidade supramunicipal que se constituíu o 1 de marzo de 2007, tras un período de reflexión no que se debatiu a filosofía e obxectivos da organización, nunha serie de encontros aos que asistiu o Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias. Ademais do Concello de Santiago, REDEL está integrada polas seguintes entidades de desenvolvemento local: Barcelona Activa, MFOF-Mallorca, Getafe Iniciativas, Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón, Sevilla Global, IMEFEZ-Zaragoza, Sociedad de Desarrollo de Santa Cruz de Tenerife e Garapen. A presidencia exércea a entidade vasca Garapén, a vicepresidencia Barcelona Activa e a secretaría e tesourería a Agencia Local de Promoción Económica y Empleo de Gijón.

Os obxectivos de REDEL son reflexionar sobre aspectos clave no desenvolvemento local como políticas económicas e industriais, competitividade, innovación, coñecemento, políticas activas de emprego, inserción laboral, etc., para construír un modelo desde unha identidade común. Esta rede tamén se configura como un instrumento para actuar conxuntamente ante entidades públicas e privadas coa finalidade de impulsar o desenvolvemento local e comarcal; deseñar, desenvolver e executar proxectos; e intercambiar experiencias e coñecementos para innovar e incrementar a eficacia das entidades locais.

Compartir: