SERVIZOS

Nove composteláns gozarán dunha fin de semana nunha casa de turismo rural polo bo uso do contedor amarelo

12/07/2007 Os nove gañadores da campaña de recollida de plástico, latas e briks promovida por Ecoembes recibiron os vales que lles permitirán gozar dunha estancia de fin de semana para dúas persoas nunha casa de turismo rural de Galicia.

Nun acto celebrado no Salón Nobre do Concello, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregoulle aos premiados os bonos que recompensan o bo uso que fixeron do contedor amarelo entre o 1 ao 15 de marzo. Os afortunados poderán aproveitar o seu vale ata o 31 de outubro. A estancia inclúe dúas noites de aloxamento nun cuarto duplo, o almorzo e os impostos.

Na lista de gañadores esta vez houbo reparto entre mulleres e homes (catro e cinco, respectivamente), xa que na edición de 2006 as gañadoras foran todas mulleres. Ademais, este ano salientou a participación do rural, con catro premiados de Figueiras e un de Laraño. En canto á cidade, os bonos foron parar nesta ocasión a veciños de Fontiñas, un barrio que un ano máis se destacou pola participación nesta campaña.

A elección dos gañadores realizouse escollendo ao chou bolsas do colector amarelo que indicaran claramente no exterior o nome, enderezo e teléfono do cidadán que as depositou. A partir dun sorteo, determinouse que colectores se revisaron cada día e a orde desta revisión. A inspección dos colectores sorteados fíxose entre o luns e o venres, cando menos tres días cada semana. As catro primeiras bolsas inspeccionadas o primeiro día despois da fin de semana e as tres primeiras o resto dos días, que no seu interior contiñan unicamente envases de plástico, latas e briks, foron as premiadas.

Compartir: