ALCALDÍA

Santiago de Compostela e Santiago de Cacém danse a man a través dun irmandamento

11/07/2007 Co gallo da inauguración dunha exposición sobre o Camiño de Santiago na cidade portuguesa de Santiago de Cacém, os alcaldes do Concello de Santiago de Compostela e da Cámara Municipal de Santiago de Cacém asinaron un protocolo de irmandamento.

Tras a inauguración da exposicion "No caminho sob as estrelas", organizada conxuntamente polo concello luso, a Diocese de Beja e a Xunta de Galicia, e sita na igrexa matriz de Santiago do Cacém, tivo lugar a sinatura do protocolo de irmandamento entre os dous Santiagos. A ela asistiron o Presidente da República de Portugal, Aníbal Cavaco Silva; o presidente da Cámara Municipal de Santiago do Cacém, Vítor Manuel Chaves de Caro; o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, e o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura do Concello de Santiago, Néstor Rego, entre outras autoridades.

No convenio establécese o empeño de desenvolver a cooperación no ámbito cultural e patrimonial, pero tamén arquitectónico, de rehabilitación urbana e de desenvolvemento social e económico. Xosé A. Sánchez Bugallo manifestou a súa satisfacción pola sinatura deste acordo, que significa "a consolidación duns lazos que nos unen histórica e culturalmente".

O irmandamento con Santiago do Cacém acordouse por unanimidade no pleno municipal da Corporación compostelá o 26 abril, aínda que hai xa cinco anos o alcalde portugués manifestaba a Bugallo o desexo de irmandamento entre as dúas cidades.

Santiago do Cacém ten a súa orixe nun poboado pre-celta, posúe un rico patrimonio natural, arquitectónico e arqueolóxico, convertido hoxe nun importante foco de atracción turística. Está vinculada ao culto de Santiago Apóstolo, ao Camiño de Santiago e á Orde Militar de Santiago de Espada. O propio Camiño de Santiago tiña unha vía de peregrinación que unía o "Promontório Sacro" ao Noroeste Peninsular.

Santiago de Compostela mantén unha activa política de irmandamentos con cidades unidas por lazos históricos, culturais, monumentais; especialmente con aquelas cidades coas que comparte o seu nome. Está é a segunda cidade portuguesa coa que se irmanda, despois de Coímbra.

Compartir: