ALCALDÍA

Un grupo de enfermos de Párkinson conclúe a súa peregrinación solidaria

11/07/2007 Despois de percorrer case 1.100 quilómetros, chegou a Compostela a delegación encabezada por tres enfermos de Párkinson que fixeron o Camiño de Santiago pola Ruta do Azahar. Esta peregrinación solidaria en bicicleta pretende chamar a atención sobre esta enfermidade e recadar fondos para a Asociación Párkinson Internet (APANET).

A alcaldesa en funcións, Mar Martín, recibiu a estes singulares peregrinos, que partiran de Murcia o 30 de xuño. "De Murcia a Santiago de Compostela, xuntos contra o Párkinson" é o lema desta aventura solidaria, que durou 12 días. Na súa chegada á praza do Obradoiro, Ricardo López, Pepe Matas e Salvador Abellaneda contaron co aplauso de pacientes de Párkinson, de membros de APANET e doutras persoas que se quixeron sumar a esta iniciativa.

A enfermidade de Párkinson é unha doenza neurolóxica, dexenerativa, progresiva e invalidante, que afecta en España a máis de 150.000 persoas.

Compartir: