FESTAS

A actriz galega Isabel Blanco será a pregoeira das festas do Apóstolo

10/07/2007 O programa de 2007 das Festas do Apóstolo abrangue 19 días de festa, preto de 70 actividades e presenta dous grandes concertos como o de Joan Manuel Serrat e Joaquín Sabina e o de Fito&Fitipaldis e Andrés Calamaro, ademais das actuacións de Soraya, Julieta Venegas, Orishas ou Estrella Morente.

A encargada de ler o pregón das festas do Apóstolo deste ano será a actriz galega Isabel Blanco, protagonista de películas como "Un franco, catorce pesetas" ou "O lapis do carpinteiro", e de series tan exitosas da TVG como foi no seu momento "Mareas Vivas" ou "Rías Baixas". Ademais, tamén participou en series españolas como "Nada es para siempre", ou recentemente, en "Manolo & Benito Corporeision". O nome da pregoeira fíxose público nunha rolda de prensa na que o concelleiro de Festas, Xosé Baqueiro, presentou o programa do Apóstolo.

O calendario presenta unha gran variedade de actividades pensadas para toda a familia, os máis mozos e os turistas. Haberá máis dunha ducia de grandes espectáculos e concertos que se celebrarán na Quintana, no Obradoiro, no Monte do Gozo e na praza do Toural. Artistas tan coñecidos como Joan Manuel Serrat e Joaquín Sabina, Fito&Fitipaldis e Andrés Calamaro, Julieta Venegas ou Estrella Morente daranse cita na capital galega. Ademais, destacan a gran cantidade de concertos gratuítos como os do grupo cubano Orishas, de Susana Seivane ou o da popular Soraya, que será a encargada de abrir esta edición o venres, 13 de xullo.

Entre as actividades máis tradicionais destacan a obra de teatro "El conde de Alarcos", o Compostela Festival, a mostra de folclore galego, as orquestras, a tradicional homenaxe as Bandas Populares, o Día do Traxe Galego, as actuacións para os nenos, o Festival das Linguas ou as diferentes actividades polas rúas da cidade.

Os fogos porán a luz de cor cun impresionante espectáculo na noite do 24 no Obradoiro e a queima da fachada de estilo gótico diante da Catedral, que este ano correrá a cargo da empresa de Manuel Coronado, Mirada Creativa, os responsables do espectáculo pirotécnico da celebración do título de liga do Real Madrid, entre outros. O 31 de xullo os fogos de fin de festa serán na escalinata do Campus Sur. Para este espectáculo cóntase cun orzamento de 229.000 euros financiado polo Consorcio.

As festas, que durarán 19 días e contarán con preto de 70 actividades, teñen un orzamento de 611.410 euros. Xosé Baqueiro convidou a todos os cidadáns e aos turistas a que participen nestes días de festa e espera que se consigan cifras tan espectaculares como contar con 150.000 persoas na zona histórica e na Alameda da cidade, como ocorreu na noite do 24 de xullo de 2006.

Compartir: