URBANISMO

Principio de acordo para a futura estación do AVE

10/07/2007 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, reuniuse cos representantes da comisión de seguimento da implantación do AVE na Dirección Xeral de Ferrocarrís, na sede do Ministerio de Fomento, integrada polo director xeral de Ferrocarrís, Luis de Santiago Pérez e outros membros do seu departamento. Ao encontro acudiron tamén, por parte da Xunta, o director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Ramón Lueje; a directora xeral de Transportes, Mar Chao; e, por parte do Concello de Santiago a concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón e a directora da área de Urbanismo, Berta Rosón. Durante a reunión abordáronse as actuacións previstas no espazo do ámbito ferroviario ocupado hoxe pola estación de ferrocarril e instalacións anexas, nunha superficie aproximada de 130.000 metros cadrados, con motivo da construción da estación do AVE e da estación intermodal.

A reunión pechouse cun principio de acordo que deberá ser redactado polos técnicos de ambas partes nos próximos días e que posteriormente será sometido á aprobación polo Consello de Administración de ADIF, o Consello da Xunta, o Consello de Ministros e o Pleno da corporación municipal. Os puntos principais do acordo son moi semellantes ao aprobado polo pleno da corporación na sesión do 31 de xullo de 2006, contemplándose a construción do complexo formado pola estación do AVE e a estación de autobuses cun volume construído de 25.000 metros cadrados, varios aparcamentos soterrados cunhas 1.800 prazas e tamén usos residenciais, hoteleiros, comerciais e outros usos terciarios (restauración, oficinas, ocio, etc.).

No complexo da estación do AVE e intermodal prevese un máximo de 5.000 metros cadrados para usos terciarios e non se poderá instalar unha gran superficie, como xa adiantara Sánchez Bugallo. Cos usos residenciais e terciarios financiarase a construción da nova estación. No caso de producirse algún excedente investiríase tamén en actuacións de mellora do contorno ferroviario en Santiago. A efectos de supervisar e impulsar a execución do proxecto establecerase unha comisión de seguimento paritaria entre as tres administracións. O contido do convenio quedará incorporado ao PXOM.

Reunión co subdirector xeral de Infraestruturas
Sánchez Bugallo reuniuse tamén hoxe co xeneral Gordillo, subdirector xeral de Infraestruturas do Ministerio de Defensa, en lugar do director xeral de Infraestruturas, como estaba previsto, posto que este cesou no cargo os pasados días ao ser designado conselleiro de Ordenación do Territorio na comunidade autónoma de Castilla la Mancha. Ao non ser posíbel tomar unha decisión, acordouse manter un novo encontro unha vez designado o novo director xeral de Infraestruturas, previsibelmente antes das vacacións do verán ou inmediatamente despois, no mes de setembro. A reunión serviu para contrastar puntos de vista con respecto ao futuro do antigo campo de tiro e campamento militar de Bando.

Documentos relacionados



Compartir: