PROMOCIÓN ECONÓMICA

O 14 de xullo finaliza o prazo para inscribirse no Concurso de Novas Ideas Empresariais

09/07/2007 O sábado, 14 de xullo, finaliza o prazo para inscribirse no Concurso de novas ideas empresariais "Compostela Activa 2007". O obxectivo do certame que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, é estimular e apoiar a persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolles a posta en marcha do proxecto empresarial.

Xa hai rexistradas 25 solicitudes nas tres modalidades coas que conta o concurso. Á de Novas Ideas empresariais edición xeral presentáronse 13, á de Novas Ideas empresariais promovidas por mulleres 10 e, á novidade desta edición, Novas Ideas Empresariais promovidas por titulados en Formación Profesional (só se contabilizan os titulados a partir do 1 de xaneiro do 2006) dúas solicitudes. En cada unha das modalidades establécense tres premios en metálico: o primeiro de 5.000 euros, o segundo de 4.000 euros e o terceiro de 3.000 euros. Este ano o Concurso de novas ideas empresariais "Compostela Activa 2007" conta cun orzamento de 36.000 euros. No 2006 presentáronse ao certame 17 proxectos empresariais e no 2005, 13.

No concurso poden participar as persoas físicas ou xurídicas que teñan un proxecto empresarial que no momento de presentar a solicitude non iniciara a súa actividade. A documentación dirixirase á Oficina de Promoción Económica e presentarase no Rexistro Xeral do Concello. As bases pódense consultar no BOP da provincia de A Coruña do 12 de marzo do 2007 ou na web da Concellaría de Promoción Económica www.maiscompostela.org. Nesta mesma páxina, no microsite de Compostela Activa, poden obter unha completa información sobre programas e actividades de apoio ao emprendemento desenvolvidas no marco do programa Compostela Activa.

A valoración dos proxectos será realizada por unha comisión de expertos en base aos seguintes criterios: que a persoa física ou membros da sociedade proveñan dunha situación de desemprego, que estea/n censados no Concello de Santiago, que a actividade empresarial a desenvolver se enmarque nos sectores de novas tecnoloxías da información e a comunicación, servizos medioambientais, servizos culturais e de lecer, servizos á comunidade, sectores emerxentes ou novos filóns de emprego. Tamén se valorará a utilización de recursos da zona, o emprego xerado, as mulleres contratadas, a contribución á inserción de colectivos en situación desfavorable para a integración sociolaboral ou en situación de risco ou exclusión social.

Compartir: