REFORMA ADMINISTRATIVA

Máis servizos a través da Carpeta Cidadá da web municipal

09/07/2007 A Xunta de Goberno aprobou o inicio do procedemento de contratación do subministro de módulo software para a publicación de varios servizos a través da Carpeta Cidadá do portal web do Concello. Entre estes novos servizos estará a posibilidade de presentar ou consultar facturas ou consultar a información catastral.

A Carpeta Cidadá seguirá así a incrementar as posibilidades que ofrece aos cidadáns a través de internet. Por exemplo, permitirá en breve presentar facturas en formato electrónico, cumprindo así unha das liñas de actuación do Plan Avanza. Os provedores tamén poderán consultar o estado das facturas, de xeito que poderán coñecer a súa situación e os prazos de pagamento previstos.

Outra das novidades será a posibilidade consultar a información catastral existente nas bases de datos do Concello. Tamén se está a traballar na implantación dun sistema de acceso á Carpeta Cidadá mediante o uso do DNI electrónico ou dun certificado dixital.

De acordo coa incorporación dos servizos para dispositivos móbiles á web municipal, tamén se creará un xestor automatizado para que os cidadáns poidan solicitar á través da Carpeta Cidadá que se lles avise a través de mensaxes sobre prazos, novas, etc. Ademais, os usuarios poderán facer consultas ou acceder a servizos a través destes dispositivos móbiles.

Compartir: