COMERCIO

Promoción Económica e Comercio reparte 2.500 bases da edición de verán de Escaparatismo entre os comerciantes

06/07/2007 O 13 de xullo remata o prazo para inscribirse na Edición de verán do Concurso de Escaparatismo SCQ Shopping 2007. A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo xa remitiu as bases do certame aos aproximadamente 2.500 comercios que existen en Santiago.

O concurso, que conta cun orzamento de 46.000 euros, consta de catro edicións anuais: primavera, verán, outono e Nadal. En cada edición elíxense tres gañadores, e ao final de ano, nomease un gañador final. Será o establecemento que manteña unha maior continuidade na súa imaxe ao longo das catro edicións.

Para participar, os comerciantes só teñen que completar o formulario que se adxunta coas bases e envialo por fax ao número 9815 54 296. Tamén se poden inscribir a través do correo electrónico escaparatismo@santiagodecompostela.gal, facendo constar os seguintes datos: nome do estabelecemento, sector, nome e apelidos do propietario, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico.

O IV Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping quere servir de incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos estabelecementos composteláns. A través do deseño dos escaparates preténdese, dun xeito orixinal, atractivo e efectivo, presentar a calidade dos nosos productos a composteláns e visitantes que, aproveitando as vacacións, se achegan a coñecer a nosa cidade, facendo de Compostela a súa capital de compras estivais. Os motivos dos escaparates son libres. O xurado valorará a orixinalidade, a ambientación e a eficacia da mensaxe publicitaria que transmite o escaparate.

Os premios dos gañadores do Concurso de Escaparatismo nas súas diferentes edicións consisten en investimentos en promocións publicitarias. A publicidade, a nivel local, inclúe campañas en televisión, en prensa e en radio para os primeiros clasificados, e en prensa e radio para os segundos e os terceiros.

Compartir: